Eurocidade Tui-Valença, 22 de setembro.- Esta mañá celebrouse no edificio da Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença o acto de benvida da 4ª edición do Encontro profesional de Músicas MUMI 2023 no que participaron Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; Ana Paula Xavier, vice-presidenta da Câmara Municipal de Valença; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC); João Ribeiro da Silva, Chefe da Divisão de Promocão na Direção Regional de Cultura do Norte; e representando á organización do MUMI en Galiza e Portugal, Diana Martins e Áitana Cuétara que destacou “o grande interese do sector por estar presente nesta edición do MUMI, na que recibimos perto de 250 candidaturas entre as que tentamos facer unha selección diversa que dea conta do gran momento que viven as nosas músicas”. Cuétara falou tamén das dúas grandes novidades deste ano, dunha a banda “a colaboración iniciada coa Fira Mediterrània de Manresa, a máis importante no ámbito das músicas pouplares e que por tanto abre un mercado enorme; e o noso Espazo Loja, onde queremos dar visibilidade ao traballo que fan as editoras musicais”.
Pola súa parte, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, indicou que “estreitar lazos entre Galicia e Portugal é un obxectivo irrenunciable da Xunta de Galicia, especialmente no caso deste evento que nace do sector e que fomenta a comercialización, a distribución, o intercambio musical e a circulación de artistas entre Galicia e Portugal, que afortunadamente é cada vez máis habitual con eventos de cultura lusófona arredor da música e outras manifestacións culturais”.
Ana Paula Xavier quixo remarcar o feito de que “o MUMI traduce a un plano real todo o traballo de cooperación transfronteiriza que se fai desde as administración da Eurocidade e axuda a que as persoas o perciban e o aproveiten neste territorio que é fronteira más poblada entre España e Portugal e tamén a que produce máis intercambios no económico, no social e tamén no cultural”.
Enrique Cabaleiro reiterou “a aposta que fixemos desde o principio por este evento que está xa asentado e que non temos dúbida de que seguirá crecendo” e João Ribeiro da Silva afirmou que “non hai mellor forma de facer esa ligazón entre Galiza e Portugal que a través da música que nos une dende hai séculos e que fai parte do noso patrimonio inmaterial común”.
A programación profesional do MUMI terá lugar hoxe e mañá na ZONA PRO instalada no edificio da Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença, onde se celebrarán roldas de encontros rápidos ou speedmeetings que se sucederán durante toda a fin de semana e onde bandas e artistas terán a oportunidade de presentar as súas propostas musicais ante responsables de programación de salas, festivais, concellos e outras entidades públicas e privadas que conforman o ecosistema musical a ambas beiras do Miño. Entre outras, está confirmada a asistencia de responsables de programación cultural dos Concellos de As Pontes, Padrón, Carral, Boiro, Ames, Carballo, Cedeira, Palmela, Póvoa do Varzim, Matosinhos ou A Guarda. Tamén participarán entidades programadoras do ámbito privado, como os festivais, Arteficial, Revenidas, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Portamérica, Son do Camiño, Minho Reggae, Caudal Fest, Elas Son Artistas, Gaia World Music e Palheta Bendita - Santo Tirso; as axencias Charlatana, La Yogurtera, Esmerarte, Correveydile, Indieror, Sounds Good e D’Orfeu Águeda; e as salas Mardi Gras, e A Pousada da Galiza Imaxinaria.
Faladoiros
Ademais da axenda de speedmeetings, o programa presenta tamén sesións de traballo onde se tratarán asuntos que ocupan e preocupan ao sector dentro da sección Faladoiros. Manuel Pena, director de licencias de Altafonte, tratou o tema A comercialización dixital da música. Desde a Asociación de Músicas ao Vivo (MAV), o seu xerente, Manuel Alonso, e Patty Castro, da directiva, debullaron as Claves para a contratación artística transfronteiriza nun encontro no que tamén se falará do asociacionismo musical en Galiza. A terceira sesión de hoxe venres tentará botar luz sobre outra das cuestións de interese para moitos dos proxectos musicais: Como conseguir audiencias para músicas non maioritarias. Será a partir das 15.30h. E para pechar os faladoiros desta primeira xornada está prevista ás 16:15 a Presentación do Título de Especialista en Industria musical da Universidade de Vigo, unha nova titulación que será presentada pola decana da Facultade de Comunicación da UVigo, Enma Torres, e polo coordinador do título, Javier Abreu.
A xornada de mañá sábado abrirase ás 10.30h cunha problemática que por fin comeza a visibilizarse dentro do sector musical e da cultura en xeral arredor da saúde das persoas que traballan nel. O director da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), Carlos Lorenzo, presentará o proxecto Coidar de nós, para coidar da cultura, no que se abordan as dinámicas tóxicas e as súas consecuencias na saúde mental e tamén física de artistas e profesionais do ecosistema cultural. E ás 13.00h, o último dos faladoiros desta edición centrarase nunha das liñas de traballo que pode ampliar os horizontes da nosa industria musical e poñer as nosas músicas en circulación e relación con outros contextos. Miguel Angelo e Fernando Sousa, xestores da axencia musical portuguesa SOUNS GOOD, falarán desenvolverán no faladoiro Experiencias culturais con fondos europeos das posibilidades que se abren cos programas de axudas ao sector cultural da Unión Europea a partir da súa propia experiencia na formulación e xestión do proxecto MARIMBA, no que ademais de Portugal participan outros países da lusofonía como Angola, Guiné-Bissau, Moçambique e Timor-Leste, e que recibiu apoio por valor de cerca de un millón de euros do programa europeo PROCULTURA. Todos os faladoiros celebraranse na ZONA PRO instalada no edificio da Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença e están abertos ao público xeral ata completar aforo.
Programa de Showcases
Hoxe presentaranse os directos de Anxo Araújo, Expresso Transatlântico, Mondra, Diego Alonso 5tet, Alba Careta & Henrio (colaboración Fira Mediterrània de Manresa) Xurxo Fernándes e Aníbal Zola. Ao programa de showcases, sumarase a proposta de Dj Gaiteirinho o remate da xornada, dentro do ESPAZO OFF. Para mañá sábado están programados os concertos de Antía Muíño, Mondra, Lontreira, Moura, María Monda, Maze, Retimbrar, Virgem Suta e a sesión de Dj Ábrete de Orellas no ESPAZO OFF.