Eurocidade Tui-Valença, 31 de agosto.- Do 21 ao 24 de setembro a Eurocidade Tui-Valença acollerá o Encontro Profesional de Músicas, cun programa completo que xa se pode consultar en mumimusicas.eu e que nesta ocasión levará a súa zona profesional ás instalacións da Universidade de Valença. Alí, as empresas e profesionais da industria da música de Galiza e Portugal terán a oportunidade de programar encontros profesionais dentro da axenda de speedmeetings e de asistir a sesións de traballo onde se tratarán asuntos que ocupan e preocupan ao sector.
Entre o venres 22 e o sábado 23 o programa de Faladoiros acollerá un total de cinco sesións, que se abrirán cun dos temas cruciais para a industria neste momento. O director de licencias de Altafonte, Manuel Pena, falará sobre A comercialización dixital da música. Será o venres a partir das 10.30h. E ás 13.00h, Manuel Alonso, xerente de Músicas ao Vivo (MAV) e Patty Castro, membra da directiva de MAV, debullarán as Claves para a contratación artística transfronteiriza nun encontro no que tamén se falará do asociacionismo musical en Galiza. A última sesión do venres tentará botar luz sobre outra das cuestións de interese para moitos dos proxectos musicais: Como conseguir audiencias para músicas non maioritarias. Será a partir das 15.30h.
A xornada do sábado 23 abrirase ás 10.30h cunha problemática que por fin comeza a visibilizarse: a saúde das persoas que traballan no sector musical e na cultura en xeral. O director da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), Carlos Lorenzo, presentará o proxecto Coidar de nós, para coidar da cultura, no que se abordan as dinámicas tóxicas do sector e as súas consecuencias na saúde mental e tamén física de artistas e profesionais do ecosistema cultural. E ás 13.00h, o último dos faladoiros desta edición centrarase nunha das liñas de traballo que pode ampliar os horizontes da nosa industria musical e poñer as nosas músicas en circulación e relación con outros contextos. Na palestra Experiencias culturais con fondos europeos, Miguel Ângelo e Fernando Sousa, xestores da axencia musical portuguesa SOUNS GOOD, falarán das posibilidades que se abren cos programas de axudas ao sector cultural da Unión Europea a partir da súa propia experiencia na formulación e xestión do proxecto MARIMBA, no que ademais de Portugal participan outros países da lusofonía como Angola, Guiné-Bissau, Moçambique e Timor-Leste, e que recibiu apoio por valor de cerca de un millón de euros do programa europeo PROCULTURA. A programación de faladoiros conta co apoio especial da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a Deputación de Pontevedra.
As inscricións profesionais continúan abertas
As inscricións profesionais para o MUMI 2023 continuarán abertas a través da páxina mumimusicas.eu sen ningún tipo de custe e ata a propia data do evento para facilitar a asistencia das persoas interesadas en manter sesións de traballo conxunto dentro do espazo destinado aos speedmettings ou encontros rápidos. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, responsables de programación, xornalistas e público xeral, daranse cita a próxima semana neste evento que quere converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular e que ten como obxectivo crear novos mercados para as músicas galega e portuguesa, construír unha relación estable entre axentes e empresas de Galicia e Portugal; e destacar o talento creativo de proximidade ante programadores e técnicos de cultura de ámbolos dous países.