Utilizamos cookies no nosso site, próprios e de terceiros, para garantir o funcionamento adequado e oferecer continuamente a melhor experiência de navegação. Ao continuar a navegar, consideramos que aceita a nossa política de cookies.

   Saber máis - Aceptar.
Conta atrás para a 4ª edición do MUMI


Conta atrás para a 4ª edición do MUMI

O Encontro de Músicas presenta o programa que se desenvolverá na eurocidade Tui-Valença do 21 ao 24 de setembro cun concerto de apertura que reunirá sobre o escenario a artistas de Galiza, Portugal e Brasil nun espectáculo inédito ao vivo.

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar


Eurocidade Tui-Valença, 14 de setembro.-
O MUMI chega á súa 4ª edición co obxectivo de seguir construíndo novas e mellores formas de traballar pola música en vivo. Con ese propósito, a feira presenta un bo feixe de novidades como a colaboración coa prestixiosa Fira Mediterrània de Manresa, que abre as nosas músicas ao mercado internacional; ou o Espazo Loja destinado á promoción dos traballos publicados polas editoras musicais.

Do 21 ao 24 de setembro, a eurocidade Tui-Valença volverá vibrar cun Encontro  Profesional de Músicas que prevé acoller a máis de 200 profesionais da industria musical galega e portuguesa para presentarlles propostas artísticas nas que se mesturan os novos traballos de proxectos consolidados coa vibrante nova escena musical que está agromando. Un  total de 20 bandas e artistas que abrazan a diversidade estilística e que comparten en moitos casos un sustrato onde as músicas de raíz son a fonte da que beber. Unha selección de moitísima calidade onde estarán representadas as músicas tradicionais, o rock, a electrónica, o jazz, as músicas urbanas, o indie-pop ou a canción de autoría, e que dan boa conta do gran momento creativo que viven os dous territorios.


Concerto Especial de Apertura
O xoves 21, ás 20:30, o Teatro Muncipal de Tui acollerá un espectáculo creado ad hoc para a apertura do encontro, que vai rendir homenaxe ás músicas de raíz nun concepto no que se abrazan as músicas de unha e outra beira do Atlántico. Desde Brasil, Destino do Clã reúne aos músicos Nanan, Gustavito e Luizga, imbuídos da inluencia das culturas indíxenas e a ancestralidade suramericana, que eles recrean en cancións e arranxos que reverencian este rico territorio de coñecemento e sabedoría. Desde Portugal, O Gajo presenta o encontro de João Morades coa Viola Campaniça, un instrumento de raíz tradicional portuguesa co que explora novos territorios sonoros e ao que se une o Grupo As Sanfonas da Ponte Vella. E desde Galiza, Encaixe completará a proposta artística do concerto de apertura  achegando as voces de 18 cantantes que propoñen un novo concepto de coro, recoñecido co Premio Martín Códax da Música 2018 a mellor proxecto de música vocal, e desde onde fan unha aposta forte pola música galega contemporánea, con versións vocais de grupos como Marful, Narf ou Malandrómeda, e tamén pola música lusófona, con versións do Zeca Afonso ou Djavan, entre outros. Tres propostas artísticas de Portugal, Galiza e Brasil que ensamblarán as súas músicas para ofrecer ao público un espectáculo ao vivo irrepetible que supón toda unha declaración de intencións do traballo que pretende desenvolver a feira. O acceso a este concerto será libre ata completar aforo.

Programa de Showcases
Despois  dun duro proceso de selección entre 244 propostas artísticas candidatadas para os showcases, o MUMI seleccionou 14 nomes de Galiza e Portugal para amosar ao público, profesional e tamén xeral, o interesante abano de músicas que conviven na escena actual. Galiza presentará os directos de Antía Muíño, Mondra, Anxo Araújo, Diego Alonso 5tet, Habelas Hainas, Lontreira, Moura e Xurxo Fernándes; mentres Portugal achegará as propostas de Aníbal Zola, Expresso Transatlântico , María Monda, Maze, Retimbrar e Virgem Suta. Desde a equipa organizativa destacan que “a diversidade continúa a ser a palabra clave na música ao vivo que vai ofrecer o MUMI 2023, cun mosaico de bandas e artistas que responden á riqueza das escenas galega e portuguesa”. Das novas abordaxes da música tradicional á electrónica, pasando polo jazz, o pop, as músicas urbanas ou a canción de autoría, os showcases programados recollen a efervescencia musical que bule a ambas beiras do Miño cunha presencia moi destacada das músicas que experimentan a partir da raíz, e que felizmente non deixan agromar. Un total de catorce propostas de bandas e artistas cunha traxectoria consolidada, respaldadas por axencias profesionais, que xa están funcionando moi ben nos seus territorios e queren abrirse a outros mercados, o que desde a equipa organizadora do MUMI valoran como “un feito que demostra a solidez da escena e a necesidade da industria musical de contar cun espazo como o MUMI”. Ao programa de showcases, sumaranse as propostas de Dj Gaiteirinho e Dj Ábrete de Orellas no ESPAZO OFF na noite do venres e o sábado respectivamente. E o domingo ao mediodía, os Gaiteiros da Ponte Velha e a banda Gooze presentarán as súas propostas nunha sesión de música aberta ao público xeral dentro da Fortaleça de Valença.

Colaboración coa Fira Mediterrània de Manresa
Dentro do acordo de colaboración que se inicia este ano coa Fira Mediterrània de Manresa, a proposta catalá de Alba Careta & Henrio participará nos showcases do MUMI cun delicado proxecto no que a trompetista e cantante Alba Careta e o cantautor e produtor Henrio presentan unha viaxe onírica por varias cancións de berce catalás recollidas no cancioneiro popular de “Càntut, cançons de tradició oral”, onde se recompilan máis de 1.700 cancións e gravacións de cancións de tradición oral. No outro lado do intercambio, a banda galega Caldo presentará o seu novo disco na Fira no mes de outubro diante de programadores de todo o mundo. Caldo terá a oportunidade de realizar un showcase para presentar o seu novo disco Lugar A Ponte neste importante mercado onde se dan cita programadores de todo o mundo e que é un referente para as músicas que utilizan a raíz, a tradición e a cultura popular como motor creativo. Froito da conexión das axencias galegas co mercado catalán, este ano a Fira Mediterrània de Manresa vai acoller tamén a outras bandas galegas como Caamaño & Ameixeiras, dentro do Focus Galiza-Portugal que o mercado catalán ten programado neste edición.

Espazo Loja
O MUMI contará a partir desta edición cunha nova actividade dirixida á promoción e venda física de producións editoriais e discográficas da industria galega e portuguesa, dentro do apartado bautizado como Espazo Loja, e concebido como un Encontro de Editoras Musicais. O Espazo Loja estará funcionando o sábado 23 de setembro no Hall do Teatro Municipal de Tui, en horario de 11.00h a 14.00h e de 17.00h a 21.30h, e acollerá os catálogos da portuguesa Tradisom, e das galegas aCentral Folque e Através Editora. Ademais, presentarase neste espazo a novela gráfica Zeca Afonso. A Balada do Desterro, da ilustradora portuguesa Maria João Worm e a escritora galega Teresa Moure, editada conxuntamente por aCentral Folque e Tradisom.

Faladoiros e Speedmeetings
Ademais das propostas artísticas o encontro presenta tamén um programa de encontros nos que as empresas e profesionais da industria da música de Galiza e Portugal terán a oportunidade de programar reunións de negocios dentro da axenda de speedmeetings e de asistir a sesións de traballo onde se tratarán asuntos que ocupan e preocupan ao sector. A comercialización dixital da música, as claves para a contratación artística transfronteiriza, conseguir audiencias para músicas non maioritarias, financiar proxectos musicais com fondos europeos, ou como coidarse no contexto de precariedade do sector da cultura, serán algúns dos temas que aborden os faladoiros programados para as xornadas do venres 22 e sábado 23 de setembro na Escola Superior de Ciências Empresariais de Valença, que acollerá a ZONA PRO desta 4ª edición da feira.

Dentro da programación de speedmeetings, xa está confirmada a asistencia de profesionais programadores de entidades públicas galegas e portuguesas dos territorios de As Pontes, Padrón, Carral, Boiro, Ames, Carballo, Cedeira, Palmela, Póvoa do Varzim, Matosinhos ou A Guarda. Participarán ademais entidades programadoras do ámbito privado, como os festivais, Arteficial, Revenidas, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Minho Reggae, Elas Son Artistas, Gaia World Music e Palheta Bendita - Santo Tirso. Está confirmada tamén a participación de representantes das axencias Charlatana, La Yogurtera, Esmerarte, Correveydile, Indieror, Sounds Good e D’Orfeu Águeda; e das salas Mardi Gras, e A Pousada da Galiza Imaxinaria.

As inscricións profesionais para o MUMI 2023 continuarán abertas a través da páxina mumimusicas.eu sen ningún tipo de custe e ata a propia data do evento para facilitar a asistencia das persoas interesadas en manter sesións de traballo conxunto dentro do espazo destinado aos speedmettings ou encontros rápidos entre profesionais. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, responsables de programación, xornalistas e público xeral, daranse cita neste evento que quere converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular e que ten como obxectivo crear novos mercados para as músicas galega e portuguesa, construír unha relación estable entre axentes e empresas de Galicia e Portugal; e destacar o talento creativo de proximidade ante programadores e técnicos de cultura de ámbolos dous países.

 

PATROCINAN

COLABORAN

Feira MUMI

O MUMI é un encontro que convoca a profesionais do sector musical e cultural galego e portugués co obxectivo de crear unha ponte de ida e volta real e estable para as nosas músicas. A feira reunirá a artistas/bandas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas, empresas de servizos e producción, etc. para compartir ideas, crear sinerxias sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa.

Feira MUMI

O MUMI é um encontro que reúne os profissionais do sector musical e cultural galego e português com o objectivo de criar uma ponte de ida e volta e estável para as nossas músicas. A feira reunirá astistas/bandas, promotoras, empresas de management, festivais, editoras, empresas de serviços e produção, etc. para partilhar ideias, criar sinergias sólidas, estabelecer novas redes de contacto e conhecer novas propostas na primeira pessoa