Na outra punta do intercambio, o MUMI vai contar na súa programación cunha proposta musical catalana seleccionada pola Fira. Trátase de Alba Careta & Henrio, un delicado proxecto no que a trompetista e cantante Alba Careta e o cantautor e produtor Henrio presentan unha viaxe onírica por varias cancións de berce catalás recollidas no cancioneiro popular de “Càntut, cançons de tradició oral”, onde se recompilan máis de 1.700 cancións e gravacións de cancións de tradición oral. Este proxecto nace da necesidade de recuperar as cancións utilizadas nos momentos máis tenros da crianza e que pasaron de xeración en xeración co obxectivo de acougar e durmir aos máis pequenos. O concerto contará con algunhas das cancións de berce máis coñecidas en Cataluña como 'O noi da mare' ou 'Son son', pero tamén nos descubrirá melodías e letras únicas que, sen o traballo incansable de recompilación de cancións do cancioneiro popular de Càntut, caerían no esquecemento.
Este showcase súmase aos xa anunciados de Antía Muíño, Mondra, Anxo Araújo, Diego Alonso 5tet, Habelas Hainas, Lontreira, Moura e Xurxo Fernándes pola banda galega; e as propostas de Aníbal Zola, Expresso Transatlântico , María Monda, Maze, Retimbrar e Virgem Suta pola banda portuguesa.